Monday 06 de May de 2024

O Concello de Boqueixón abre a convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de actividades


O prazo de presentación de solicitudes conclúe o próximo 4 de maio

O Concello de Boqueixón vén de abrir a convocatoria de subvencións para entidades sen ánimo, cuxas bases e anexos foron publicados o 13 de marzo no BOP. O prazo de presentación de solicitudes esténdese dende hoxe (un día despois da publicación do anuncio da devandita convocatoria no BOP) ata o próximo 4 de maio.

Só poderán solicitar estas subvencións aquelas entidades asociativas sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións (un total de 62) e que acrediten un número mínimo de 15 persoas asociadas na data de presentación das peticións. As axudas irán destinadas ao desenvolvemento de actividades durante o ano 2018.

Xunto coa propia solicitude, as asociacións sen ánimo de lucro deberán presentar unha declaración responsable na que se certifique que cumpran todos e cada un dos requisitos vixentes para obter a condición de beneficiarias, así como a declaración das axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade. Ademais, deberase axuntar un certificado da composición actual da Xunta Directiva da asociación e do número de persoas asociadas e un proxecto ou memoria detallada da actividade ou proxecto a realizar. Completarase a documentación coa certificación bancaria co IBAN completo, a copia do DNI da representación legal da asociación e unha copia do CIF.

O Concello de Boqueixón destina un total de 8.000 euros para esta liña de subvencións a asociacións sen ánimo de lucro do termo municipal. O importe máximo por axuda será de 1.000 euros.